mércores, 9 de decembro de 2020

Cartas para este Nadal 2020


Achégase o Nadal e, con el, a época dos bos desexos.

En poucos días, milleiros de nenos e nenas de tódalas partes do mundo (ou, máis ben, daquelas máis afortunadas) comezarán a escribir as súas cartas para pedir aquilo que desexan.

Sabemos que a lista de xoguetes será interminable, aínda que non podemos negar que nos faría ilusión que tamén incluíse algunha boa lectura!, que imos dicir nós dende a Biblio Furelo? 😉

Con todo, despois deste ano tan estraño, gustaríanos invitarvos a reflexionar para que poidades compartir connosco unha carta diferente.

AQUÍ VAI A NOSA PROPOSTA:

Imaxinade que tódalas fábricas de xoguetes pechasen, que os Reis Magos e Papá Noel quedasen confinados nos seus lugares de orixe; imaxinade un ano sen regalos materiais… Poida que vos pareza terrible, pero seguro que hai outras cousas que, aínda non podendo tocarse, vos gustaría sentir, vivir, experimentar, compartir…

QUE LLE PEDIRIADES ENTÓN A ESTE 2021 se este fose o Nadal sen obxectos?

Tomádevos uns minutiños para reflexionar sobre aquilo que de verdade vos gustaría e compartide connosco as vosas cartas depositándoas no buzón que atoparedes na entrada do cole.

Aquelas cos mellores desexos serán compartidas no noso blog para alegrar o Nadal a toda a nosa comunidade escolar.

E, como sabemos que isto das cartas xa non se leva moito, aquí vos deixamos uns conselliños para facelo correctamente 😉


E LEMBRADE OUTRAS ACTIVIDADES NAS QUE TAMÉN PODEDES PARTICIPAR:

- Suxerencias lectoras de Nadal: Podedes enviarnos, á dirección mestra.estefi@gmail.com (en audio, vídeo ou texto) aqueles libros que vos gustaría recomendar aos vosos e as vosas compis para incluír este ano nas súas listaxes. Non esquezades mencionar título, autor-a e o motivo polo que vos gustou.

- Contacontos de Nadal: Tamén podedes gravar algunha historia en audio ou vídeo para que poidamos reproducir no cole os últimos días do trimestre. Os contos poden ser de creación propia ou contos existentes e de tradición popular, e tanto sobre o Nadal coma sobre os valores que se promoven nesta época (respecto, solidariedade, xenerosidade, agradecemento...).


venres, 4 de decembro de 2020

Día das persoas con (dis)capacidade

Xa vos pasastes pola web do centro a ver o que o Departamento de Orientación preparou para conmemorar esta data tan especial? Aquí tedes o artigo cos dous vídeos.

Dende a Biblio Furelo sumámonos á celebración e achegamos a alumnado e profesorado os libros que nos poderán axudar a entender mellor o verdadeiro significado da INCLUSIÓN.

Lestes algún deles? Que vos pareceron?






venres, 27 de novembro de 2020

NamorARTE en GALEGO

 

Tira de Luis Davila, para calendario UVigo 2017

Como moitos e moitas de vós sabedes xa, este ano o proxecto documental que desenvolveremos no centro xirará arredor da ARTE feita en Galicia. Nestes tempos un tanto escuros, quixemos poñerlle un pouco de cor aos nosos días e non se nos ocorreu mellor xeito de facelo que da man dalgunhas e dalgúns dos nosos artistas máis queridos e representativos.

Non podiamos comezar con mellor pé esta sección de “NamorARTE en GALEGO” na que iremos recollendo os diversos traballos das aulas. Aquí vos deixamos unha captura da vídeo-chamada que unhas nenas da clase de 5º fixeron ao noso benquerido LUIS DAVILA para preparar a súa emisión en Radio Furelo.

-Enlace á entrevista-

Como vedes, estas xornalistas en potencia souberon sacar proveito do momento e non só falaron da vida no rural ou de Dora, senón tamén da importancia de manterse informado para lograr facer humor da actualidade e mesmo coñecemos o lugar de traballo deste gran humorista gráfico. 

Moitas grazas a Sarela, Nadia e, especialmente, a Luis Davila por permitirnos coñecelo un pouco máis!

Atentos e atentas á etiqueta #NamorARTE! Pronto iremos descubrindo a máis artistas🎨