venres, 27 de novembro de 2020

NamorARTE en GALEGO

 

Tira de Luis Davila, para calendario UVigo 2017

Como moitos e moitas de vós sabedes xa, este ano o proxecto documental que desenvolveremos no centro xirará arredor da ARTE feita en Galicia. Nestes tempos un tanto escuros, quixemos poñerlle un pouco de cor aos nosos días e non se nos ocorreu mellor xeito de facelo que da man dalgunhas e dalgúns dos nosos artistas máis queridos e representativos.

Non podiamos comezar con mellor pé esta sección de “NamorARTE en GALEGO” na que iremos recollendo os diversos traballos das aulas. Aquí vos deixamos unha captura da vídeo-chamada que unhas nenas da clase de 5º fixeron ao noso benquerido LUIS DAVILA para preparar a súa emisión en Radio Furelo.

-Enlace á entrevista-

Como vedes, estas xornalistas en potencia souberon sacar proveito do momento e non só falaron da vida no rural ou de Dora, senón tamén da importancia de manterse informado para lograr facer humor da actualidade e mesmo coñecemos o lugar de traballo deste gran humorista gráfico. 

Moitas grazas a Sarela, Nadia e, especialmente, a Luis Davila por permitirnos coñecelo un pouco máis!

Atentos e atentas á etiqueta #NamorARTE! Pronto iremos descubrindo a máis artistas🎨

mércores, 25 de novembro de 2020

25-N

Un ano máis, o CEIP Ramón Cabanillas di NON á violencia de xénero. Nunca é demasiado pronto para falar do que de ningún xeito podemos tolerar.

Dende a Biblio Furelo, en colaboración co equipo de Actividades Complementarias e Extraescolares do centro, facilitamos o acceso aos fondos de interese para tratar esta conmemoración. Estes serán traballados nas aulas, pero tamén podedes solicitalos en préstamo para as vosas casas (revisade o boletín para saber como).




*Se precisas axuda, ante unha situación de violencia machista, este é o número no que podes solicitar axuda sen deixar ningún tipo de rastro: 016

martes, 10 de novembro de 2020

Novembro: Mes da Ciencia en Galego

Como cada ano, en tódalas bibliotecas galegas, o mes de novembro está adicado á Ciencia en Galego. Porque sí, a nosa lingua serve para facernos chegar lonxe, tamén no ámbito científico. Que llo digan senón ao biólogo especializado en neurociencia, Xurxo Mariño Alfonso, encargado de redactar o Manifesto da celebración deste ano: O feitizo da ciencia; non vos perdades a súa lectura! Podedes acceder picando aquí.

Este é un xeito de lembrarvos que o voso lado máis curioso e investigador pode comezar aquí, na vosa propia casa, no voso propio cole, con algunha das lecturas que seleccionamos para vós... Unha nova exposición vos agarda no vestíbulo principal do cole:


Ademais, a Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia fixo tamén unha selección de títulos interesantes sobre aspectos científicos para tódalas idades que podedes consultar aquí

*A que está xenial a escolla da Asesoría? Gustaríache pedir en préstamo algunha desas lecturas? Pois estás de noraboa; na Biblio Furelo temos moitas delas! Só repasa o noso BOLETÍN para saber como facerte con elas😉 

E se xusto queres o que non temos... tampouco hai problema! Comunícate connosco a través do formulario e veremos a posibilidade de adquirilo. 

Porque a ciencia está máis en boga ca nunca, achégate a ela connosco!

E, se o desexas, podes acudir a algún dos eventos científicos máis próximos que se celebrarán durante este mes na nosa cidade:

BIBLIOTECA DE GALICIA (CIDADE DA CULTURA):

  • 14 de novembro, ás 17:00 h, nas Aulas I e II 

Obradoiro de Química: Obradoiro creativo para espertar a curiosidade por ver como todo reacciona: o porexpán desaparece, crecen árbores de cores no leite... Impartido por Ciencia en Movimiento. 

Para nenos e nenas de 8 a 12 anos. Inscrición previa na web: www.cidadedacultura.gal (20 prazas).

  • 28 de novembro, ás 17:00 h, na Aula I 

De onde proveñen os números que describen aos seres vivos? A natureza en xeral, e máis concretamente os seres vivos, teñen un deseño baseado nas matemáticas. As súas formas están relacionadas con varios números máxicos que se coñecerán neste obradoiro. 

Para nenos e nenas de 8 a 12 anos. Inscrición previa na web: www.cidadedacultura.gal (20 prazas).

BIBLIOTECA PÚBLICA DE SANTIAGO ÁNXEL CASAL (Avda. Xoán XXIII):

  • 14 de novembro ás 12.00 h, no Salón de actos.

Ciencia e tecnoloxía na volta ao mundo de Julio Verne. Contacontos, con Ciencia Kids.

Divulgación científica para nenas e nenos de 3 a 8 anos. Entrada libre ata completar a capacidade da sala. É preciso recoller unha invitación no mostrador de información 30 minutos antes do comezo da actividade. 

  • 11 de novembro ás 18:30 h, no Salón de actos.

Iniciación á programación robótica. Obradoiro con Vermislab, para iniciarse na programación robótica nun proxecto de reciclaxe.

Para nenas e nenos de 8 a 14 anos Entrada libre ata completar a capacidade da sala (12 prazas). É preciso recoller unha invitación no mostrador de información 30 minutos antes do comezo da actividade.

  • Todo o mes de novembro:

Mostra bibliográfica Viaxes no tempo, na hemeroteca.

Mostra bibliográfica Astronomía, mostra bibliográfica infantil



luns, 2 de novembro de 2020

BOLETÍN INFORMATIVO 1º TRIMESTRE


Bo día!

Aquí vos deixamos o enlace ao 1º boletín do curso 20-21 dirixido a todo o noso alumnado. 

Con este boletín pretendemos que coñezades as formas de achegarvos á Biblio Furelo do CEIP Ramón Cabanillas neste ano excepcional.

Non dubidedes consultar calquera dúbida aquí, ou nos comentarios deste artigo.

Accede ao documento en pdf aquí: