Achégase o Nadal e, con el, a época dos bos desexos.
En poucos días, milleiros
de nenos e nenas de tódalas partes do mundo (ou, máis ben, daquelas máis
afortunadas) comezarán a escribir as súas cartas para pedir aquilo que desexan.
Sabemos que a lista de
xoguetes será interminable, aínda que non podemos negar que nos faría ilusión que
tamén incluíse algunha boa lectura!, que imos dicir nós dende a Biblio Furelo? 😉
Con todo, despois deste
ano tan estraño, gustaríanos invitarvos a reflexionar para que poidades
compartir connosco unha carta diferente.
AQUÍ VAI A NOSA PROPOSTA:
Imaxinade que tódalas
fábricas de xoguetes pechasen, que os Reis Magos e Papá Noel quedasen
confinados nos seus lugares de orixe; imaxinade un ano sen regalos materiais… Poida
que vos pareza terrible, pero seguro que hai outras cousas que, aínda non
podendo tocarse, vos gustaría sentir, vivir, experimentar, compartir…
QUE LLE PEDIRIADES ENTÓN A
ESTE 2021 se este fose o Nadal sen obxectos?
Tomádevos uns minutiños
para reflexionar sobre aquilo que de verdade vos gustaría e compartide connosco
as vosas cartas depositándoas no buzón que atoparedes na entrada do cole.
Aquelas cos mellores
desexos serán compartidas no noso blog para alegrar o Nadal a toda a nosa
comunidade escolar.
E, como sabemos que isto das cartas xa non se leva moito, aquí vos deixamos uns conselliños para facelo correctamente 😉
E LEMBRADE OUTRAS ACTIVIDADES NAS QUE TAMÉN PODEDES PARTICIPAR:
- Suxerencias lectoras de Nadal: Podedes enviarnos, á dirección mestra.estefi@gmail.com (en audio, vídeo ou texto) aqueles libros que vos gustaría recomendar aos vosos e as vosas compis para incluír este ano nas súas listaxes. Non esquezades mencionar título, autor-a e o motivo polo que vos gustou.
- Contacontos de Nadal: Tamén podedes gravar algunha historia en audio ou vídeo para que poidamos reproducir no cole os últimos días do trimestre. Os contos poden ser de creación propia ou contos existentes e de tradición popular, e tanto sobre o Nadal coma sobre os valores que se promoven nesta época (respecto, solidariedade, xenerosidade, agradecemento...).
Ningún comentario:
Publicar un comentario