xoves, 30 de abril de 2020

Guille le...


Ola! Hoxe temos outro participante na nosa sección E TI, QUE LES? e non podemos estar máis felices. Moitas grazas Guille por animarte a participar! Dá gusto comezar así😊

- NOME: Guille

- CURSO: 1ºA

- E TI, QUE LES?

El Rey Pantaloncetes y los muñecos del terror. Andy Riley


"É a historia dun rei, pero non un rei calquera, era un neno. Chámase Otto Pantaloncetes. Hai catro libros desta colección. Este é o terceiro. Son moi divertidos."



Se vos animades a ler a recomendación de Guille, facédenolo saber nos comentarios!


E ti, que les? Envíanos a túa reseña (imaxe, vídeo, debuxo, texto) a: mestra.estefi@gmail.com


luns, 27 de abril de 2020

Abrimos nova sección!


Seguimos de estrea. Comezamos esta semana abrindo unha nova sección permanente no blog, unha sección na que vós seredes os e as protagonistas: E TI, QUE LES?

Antía será a que inaugure este novo apartado, pero, despois dela, agardamos poder recibir as vosas imaxes, debuxos, redaccións -ou pequenos vídeos, se queredes- comentándonos as lecturas que estades a facer ou as que vides de rematar. Digamos que será un espazo no que compartir opinións, gustos e lecturas. Agardamos que vos animedes a participar para manter con vida este novo blog, que só ten ganas de medrar e facervos pasar algún que outro bo momento.

Podedes achegarnos as vosas creacións e reseñas á seguinte dirección: mestra.estefi@gmail.com

Aquí vos deixamos coa de Antía, non sen antes darlle as grazas por aceptar ser a nosa convidada especial😉

- NOME: Antía

- CURSO: 5ºA

- E TI, QUE LES?:

Olympia, de Almudena Cid.


"Son Antía, e, normalmente, leo polas noites. Gústame ler Olympia, de Almudena Cid. Leo estes libros porque tratan dunha ximnasta que conta a súa vida. 
Durante o confinamento esta lectura sérveme para entreterme e recordar cando ía entrenar e aos campeonatos."








Día do Libro en 2ºA


Aquí vos deixamos unha mostra do que os nenos e nenas de 2ºA estiveron elaborando para conmemorar o Día do Libro. Con tódalas fotos e reseñas da aula recompiladas para a actividade da biblio, mirade que libro dixital tan bonito crearon! Parabéns rapaces e rapazas!😊

Podedes velo accedendo ao seguinte enlace:

https://issuu.com/colexio-ramon-cabanillas/docs/librofinal23abril2020

xoves, 23 de abril de 2020

Estamos de estrea!!!


Benvidos e benvidas ao novo espazo virtual da Biblioteca do CEIP Ramón Cabanillas! 

Estabamos agardando este día con ansias, e é que non pode haber mellor data para dar por inaugurado este espazo: 23 de abril, DÍA DO LIBRO.

Pintor, David (2013) Día do libro [ilustración] recuperado de https://bretemas.gal/dia-do-libro-david-pintor/


E que mellor xeito de facelo que con tódalas vosas achegas???

Agardamos que vos guste o vídeo e que sigades desfrutando coas lecturas deste confinamento, nós seguiremos traballando para facervos chegar novidades e recursos a través deste recunchiño da rede.

Grazas por seguirnos!