Despois dun tempo sen publicar, non podiamos perder a oportunidade de aparecer de novo por este espazo virtual para conmemorar a data de hoxe, 24 de febreiro, na que celebramos o DÍA DE ROSALÍA.
Un día coma hoxe, hai xa 184 anos, nacía na zona da Praza de Vigo, a nosa escritora máis senlleira, a nosa queridísima ROSALÍA DE CASTRO.
Como cada ano, no cole aproveitamos esta celebración para achegarnos un pouquiño máis á súa obra e á súa biografía, tentando compartir con todos e todas vós a admiración que sentimos por unha das figuras máis ilustres das nosas letras.
Neste enlace podedes acceder a unha listaxe de reprodución con poemas da autora recitados polo alumnado do cole☺
Nesta ocasión, as circunstancias sanitarias impídennos participar como público nos actos conmemorativos que se levarán a cabo na cidade, mais, deixámosvos por aquí un par de actividades do máis interesante promovidas pola Fundación Rosalía de Castro:
1) Prepara un bo CALDIÑO DE GLORIA (inspirado no poema da autora) da man de Lucía Freitas, cociñeira da Tafona.
Imaxe publicada pola Fundación Rosalía de Castro |
2) Participa ou comparte (usando o cancelo #AlboradaparaRosalía) algunha das ALBORADAS PARA ROSALÍA que se levarán a a cabo en diferentes puntos do mapa da nosa comunidade. Podes consultar a información aquí e acceder á listaxe de alboradas que se fixeron en 2019 aquí.
E, se nin o caldo nin a gaita son o teu... Sempre pode ser un bo día para achegarte á súa lectura! Que imos dicir nós dende a Biblio Furelo?! 😉
Ningún comentario:
Publicar un comentario