mércores, 23 de decembro de 2020

Os mellores desexos para o 2021!

Despois de máis dun cento de cartas recibidas no noso buzón, non podemos estar máis agradecidas de contar con tantos bos desexos para o novo ano! 


DENDE A BIBLIO FURELO AGARDAMOS, DE CORAZÓN, QUE TODOS ELES SE CUMPRAN!!!

Como podedes imaxinar, houbo un par de peticións comúns en todas e cada unha das cartas: que se acabe xa este virus, que poidamos voltar a vernos sen máscaras... Ogallá así sexa pronto! Quedamos tamén coas reflexións arredor da importancia da FAMILIA e de todas aquelas APERTAS que temos pendentes de dar e recibir💖


SEDE MOI FELICES E DESFRUTADE DESTE NADAL CON SENTIDIÑO! 

🎉Vémonos no 2021🎉

martes, 22 de decembro de 2020

Contos de Nadal

 

Xa falta menos para algunha das noites máis máxicas do ano!🎄

Mentres agardades, algunhas mestras do cole queren facervos a espera algo máis amena e, por iso, comparten convosco uns contos de Nadal. Picade nos títulos para velos:

- Lucía conta: O APALPADOR (Xoán G.)

- Lorena conta: O AGASALLO DE NADAL (Christine Leeson e Gaby Hansen)

- Estefanía conta: CANDO MARTIÑO TIVO GANAS DE MEXAR NA NOITE DE REIS (Chema Heras e Kiko da Silva)

E, como non todo vai ser contar, tamén traemos algo de música da man de Mateo Dopico (4ºB), que nos fixo chegar unha fermosa panxoliña interpretada por el mesmo ao piano. Moitas grazas por compartila connosco, Mateo!🎹🎶

- Mateo interpreta: Noite de Paz 



domingo, 20 de decembro de 2020

PACO NOGUEIRAS no CSC Castiñeiriño!

 E xa que estamos en época de celebrar, non esquezades que o vindeiro sábado 26 de decembro, dende as 17:30h, tedes unha cita co APALPADOR e con PACO NOGUEIRAS! Sí, sí! Os dous visitarán o centro sociocultural Agustín Bueno do Castiñeiriño. Preparados? Preparadas?


Sabemos que sodes ben balingos e bailongas, así que, non volo podedes perder! 

Aquí tedes a dirección:


(Acceso por orde de chegada)

martes, 15 de decembro de 2020

Recomendacións lectoras NADAL 2020

RECOMENDACIÓNS ACTUALIZADAS CON DATA 17/12/20  17:45

Non sabemos se xa as estabades agardando, pero... aquí vos deixamos as recomendacións lectoras da Biblio Furelo para este Nadal! 

Podedes picar en cada portada para ler algo máis sobre cada libro e así decidir cal incluír nas vosas cartas✉


*Se ides facer algún encargo, tede en conta que nalgún dos enlaces tedes a posibilidade de mercar o libro, pero, non esquezades que, cos tempos que corren, calquera das pequenas librarías da nosa cidade agradecerán enormemente que contedes con elas nestas datas!

RECOMENDACIÓNS LECTORAS DOS NENOS E NENAS DE 3º (pica para escoitar ou ver):

Carla recomenda: Unha vaca marela en Compostela

Nicolás A. recomenda: A máscara do león

Lucía recomenda: O dragón Antón e o sapo Rosendo

Mara recomenda: O diario de Greg

MOITÍSIMAS GRAZAS POLAS VOSAS APORTACIÓNS!😊



mércores, 9 de decembro de 2020

Cartas para este Nadal 2020


Achégase o Nadal e, con el, a época dos bos desexos.

En poucos días, milleiros de nenos e nenas de tódalas partes do mundo (ou, máis ben, daquelas máis afortunadas) comezarán a escribir as súas cartas para pedir aquilo que desexan.

Sabemos que a lista de xoguetes será interminable, aínda que non podemos negar que nos faría ilusión que tamén incluíse algunha boa lectura!, que imos dicir nós dende a Biblio Furelo? 😉

Con todo, despois deste ano tan estraño, gustaríanos invitarvos a reflexionar para que poidades compartir connosco unha carta diferente.

AQUÍ VAI A NOSA PROPOSTA:

Imaxinade que tódalas fábricas de xoguetes pechasen, que os Reis Magos e Papá Noel quedasen confinados nos seus lugares de orixe; imaxinade un ano sen regalos materiais… Poida que vos pareza terrible, pero seguro que hai outras cousas que, aínda non podendo tocarse, vos gustaría sentir, vivir, experimentar, compartir…

QUE LLE PEDIRIADES ENTÓN A ESTE 2021 se este fose o Nadal sen obxectos?

Tomádevos uns minutiños para reflexionar sobre aquilo que de verdade vos gustaría e compartide connosco as vosas cartas depositándoas no buzón que atoparedes na entrada do cole.

Aquelas cos mellores desexos serán compartidas no noso blog para alegrar o Nadal a toda a nosa comunidade escolar.

E, como sabemos que isto das cartas xa non se leva moito, aquí vos deixamos uns conselliños para facelo correctamente 😉


E LEMBRADE OUTRAS ACTIVIDADES NAS QUE TAMÉN PODEDES PARTICIPAR:

- Suxerencias lectoras de Nadal: Podedes enviarnos, á dirección mestra.estefi@gmail.com (en audio, vídeo ou texto) aqueles libros que vos gustaría recomendar aos vosos e as vosas compis para incluír este ano nas súas listaxes. Non esquezades mencionar título, autor-a e o motivo polo que vos gustou.

- Contacontos de Nadal: Tamén podedes gravar algunha historia en audio ou vídeo para que poidamos reproducir no cole os últimos días do trimestre. Os contos poden ser de creación propia ou contos existentes e de tradición popular, e tanto sobre o Nadal coma sobre os valores que se promoven nesta época (respecto, solidariedade, xenerosidade, agradecemento...).


venres, 4 de decembro de 2020

Día das persoas con (dis)capacidade

Xa vos pasastes pola web do centro a ver o que o Departamento de Orientación preparou para conmemorar esta data tan especial? Aquí tedes o artigo cos dous vídeos.

Dende a Biblio Furelo sumámonos á celebración e achegamos a alumnado e profesorado os libros que nos poderán axudar a entender mellor o verdadeiro significado da INCLUSIÓN.

Lestes algún deles? Que vos pareceron?