mércores, 13 de maio de 2020

As LETRAS GALEGAS na casa.


Non esquezades a importante celebración desta semana: AS LETRAS GALEGAS.
Esta vez os actos serán a distancia e, dende Biblio Furelo, queremos convidarvos ás citas que nos propoñen dende a Rede de Centros Socioculturais do Concello de Santiago.

Trátase de 5 pequenas accións culturais da man de contacontos, poetas, actrices e músicos emitidas dende a súa casa e retransmitidas a través da canle de Youtube do Concello á que podedes acceder dende aquí mesmo (enlaces máis abaixo). Ollo! A actividade do último día será retransmitida a través do Facebook do Concello.

Non perdades a oportunidade de achegarvos ás nosas letras a través desta interasantísima proposta.

Aquí vos deixamos o programa completo (cos accesos directos ás gravacións):

- MÉRCORES 13, 20h:

A primeira proposta vén da man de Paula Carballeira. Esta contadora afincada en Compostela é ademais actriz, directora de teatro e escritora. Conta cunha ampla traxectoria no mundo da literatura infantil e xuvenil, no que ten publicado máis de 20 libros con tradución a máis de oito linguas. Gañou en dúas ocasións o premio Manuel María de Texto de Teatro Infantil e foi finalista do premio convocado por ASSITEJ-España. Dirixiu espectáculos destinados a este tipo de público tanto para a súa compañía, Berrobambán, como para outras compañías como Talía (Pequena, Rosa Caramelo) ou para o Centro Dramático Galego (A Cabana de Babaiagá).

Hoxe contaranos: "As sete bruxas de Ferrolterra" (pica no título para acceder á gravación se non poideches asistir)


- XOVES 14, 20h:

Polo Correo do Vento, un colectivo especializado en actividades para o público máis novo co fin de promover a lectura, a comprensión oral en galego e o desenvolvemento da creatividade e expresión artística das nenas e nenos.

O xoves, Enrique Mauricio contará a historia de Carvalho Calero, mentres Carlos Taboada ilustra a historia. Ao final, daranse as claves para deseñar a Carvalho Calero, paso a paso.

Se non poideches velo, accede á gravación aquí.


- VENRES 15, 20h:

María Lado é poeta, escritora, actriz, guionista e directora teatral. Desde os seus comezos na poesía co Batallón Literario da Costa da Morte, como poeta ten publicado seis libros individuais, dos que nomeamos: Casa atlántica casa cabaret (Xerais, 2002), Berlín (Concello de Santiago-El Correo Gallego-Aelg) e oso, mamá, si? (Xerais, 2015). Tamén é autora do conto para nenos Porque Cuqui non quere ir á lavadora (Apiario, 2014), da novela para público xuvenil Entre os dous hai un río (Ed. Elvira 2016) e do libro de poemas para crianzas 5 minutos (Auga Editora, 2017).

Se non poideches velo, accede á gravación aquí.


- SÁBADO 16, 20h:

Vero Rilo ten unha longa e consolidada traxectoria como contacontos. Educadora na Escola Semente, cursou estudos de iniciación ao teatro da man de Carlos Neira e outros específicos de contadora con Charo Pita e Tim Bowley. Á fronte de Daboapipa moveu diversos espectáculos para público adulto e infantil, por toda Galicia e mesmo alén do Miño. Narra historias, contos escoitados nalgún lugar ou escritos nalgún libro, nados desde algún lugar do ser.

Agardamos que desfrutedes todos e todas da súa narración oral para crianzas e familias.

Se non poideches velo, accede á gravación aquí.


- DOMINGO 17, 20h:

Magín Blanco é músico e cantante procedente da música Pop e que leva máis dunha decada achegando unha proposta musical fresca e esixente para os/as máis pequenos e pequenas.
“A nena e o Grilo no país das apertas”, “A nena e o grilo nun barquiño”,“Gatuxo”, “Camiños”, son algúns dos títulos das obras que este músico foi propoñendo para un público infantil. Ademais ten participa noutros proxectos musicais como María Fumaça ou Rosalía Pequeniña. 

A súa proposta ten músicas que van desde o pop, rock, reggae á bossa nova e que falan de viaxes por singulares aventuras nas que a imaxinación, a ilusión e a creatividade van da man para sermos un anaco máis felices.

Nesta Biblioteca sómosvos MOI FANS deste grande músico e aconsellámosvos ferventemente que non vos perdades esta cita tan especial no propio Día das Nosas Letras.

Lembrade que nesta última xornada será a través do Facebook do Concello.

Se non poideches velo, accede á gravación aquí. Encantounos!🎶



DESFRUTADE do magnífico programa desta semana de celebración e facédenos saber nos comentarios se así foi! 👍

Nós non nolo perdemos💙

Ningún comentario:

Publicar un comentario